Pernas, corazón e memoria

Isaac, vai para un ano e semella un mundo. Nestes “violentos anos dez”, a memoria do bo e da boa xente acubillase nas malas novas “aceleradas” que ateigan as páxinas dos xornais, xornais que ti lías e recortabas,… con sistemática precisión, no teu despacho do Instituto Galego da Información. A memoria do bo, aínda que quizais debera falar de todo tipo de memoria. Aquela que nos permite lembrar como e por que chegamos aquí e o que custa conseguir as cousas para logo perdelas tan rápido, aquela que ti nunca esqueciches, aquela na que investiches, aquela que divulgaches, coa túa xenerosidade, cos teus cartos, que sempre empregaches coma se fosen de todos, a diferenza dalgúns que empregan os cartos de todos coma se fosen seus.

O IGI, o único lugar onde quixen ser médico de empresa, permanece fechado cunha alta rendibilidade para os homes do traxe gris, eses señores “aburridos” que hai xa anos anunciaban por onde viñan os tiros, falando das porcentaxes de beneficios, coleccionando perdas, despedindo á xente, esquecendo ás persoas. Persoas como as que traballaron alí (Gloria, Fandiño, Alfonso e outros moitos), persoas que baixaron do barco cando baixou o capitán, porque eles tamén querían ser os últimos ao teu carón. Isaac, vai para un ano e semella un mundo. Canda a ti marchou o Lucho do Peto, tamén outros, eses… mellor non lembralos. Cóntannos que o problema é de déficit público e non lles falta razón, de “déficit do público”, do construído entre todos, do pelexado, do que nace de nós para nós, do corazón. Investir no corazón significa coleccionar derrotas, por iso ti fuches un gran derrotado, un dos maiores derrotados deste país. Porque tiñas un gran corazón. Sístole e diástole para fitar o mundo cos ollos do neno, sístole e diástole que fuxían por pernas das arritmias desta vida moderna. Isaac, vai para un ano e semella un mundo. Aquel que percorriches ao carón de Seoane, en pasos curtos e rápidos, con aquelas perniñas que ao final tiñas medo de que che fallaran, como a don Paco del Riego. Dicías: “que ía ben de cabeza, pero nos últimos anos non podía camiñar”. Por iso estamos hoxe aquí, un 5 de xaneiro. Porque a este país fállanlle as pernas, o corazón e a memoria. Porque para iso, un dos tratamentos é o teu legado. Hoxe, un ano despois, que semella un mundo.

*texto empregado na homenaxe de Boisaca a Isaac, un ano despois

Facebooktwittergoogle_plusmailFacebooktwittergoogle_plusmail

Crise como coartada

A dereita do Estado está a empregar a crise como coartada para impulsar unha profunda reforma da administración cunha dobre intencionalidade: refinanciar a banca e introducir a iniciativa privada en espazos até agora vedados para esta. Esta vocación neoliberal, permeable e transversal nas estruturas do estado de benestar mostra unha especial querenza curiosamente polos espazos onde existía unha maior cota de liberdade na toma de decisións, a administración local, a pesar do ínfimo peso destas no conxunto da débeda pública. Agora que os nosos desgobernantes avalan un sistema financeiro en caída libre cos cartos de todos e todas e os dereitos da cidadanía, semella curioso que un dos principias problemas para estes estea na Administración Local.

Semella claro que a necesaria reforma que algúns venden da Administración Local é máis unha coartada ideolóxica da dereita do PP ca unha necesidade urxente

No segundo trimestre do 2012, a débeda pública do Estado representaba o 75,9% do PIB (804.388 mil euros). Esta porcentaxe desagrégase do seguinte xeito: o 58,3% (617.503 mil euros) está imputada á Administración Central, o 14,2% (150.577 mil euros) ás comunidades autónomas e tan só o 3,4% (36.306 mil euros) ás Corporacións locais, sendo responsable desta cantidade, con 6.479 millóns, o Concello de Madrid gobernado polos excelentes xestores da dereita durante tantos anos. Semella claro, pois, que a necesaria reforma que algúns venden da Administración Local é máis unha coartada ideolóxica da dereita do PP ca unha necesidade urxente.

As medidas made in Montoro aumentan os beneficios do sector privado e refinancian a banca

As medidas adoptadas made in Montoro durante o 2012 xustifican esta afirmación. A prohibición para contratar traballadores públicos nos concellos dende o ano pasado obriga a estes a externalizar calquera servizo de nova creación dende entón (aumentando os beneficios do sector privado e recortando a autonomía local). Por outra banda, o plan de pago a provedores, vendido como o maná para solucionar os problemas de liquidez da Administración Local, non deixou de ser unha maneira de refinanciar a banca dende o momento no que os xuros fixados a pagar polo préstamo acadaron cifras próximas ao 6%.

A información que nos chega, aínda non pechada, da suposta reforma da Administración Local que están a pactar os dous partidos da alternancia no Estado (PP-PSOE) non semella un troco na tendencia iniciada o ano pasado. Tras a cortina de fume da regulación (necesaria) dos soldos dos representantes públicos (baixo o principio de responsabilidade con vencellos no soldo), agóchanse medidas que minoran a cooperación municipal (desaparición das mancomunidades), aumentan a opacidade da xestión do público e limitan a participación democrática (potenciando o rol das deputacións na fiscalización dos concellos de menos de 20.000 habitantes). Nun momento no que semellaba existir un amplo consenso sobre o anacronismo do papel que xogan os entes provinciais, que lembremos non pasan polas urnas e fan unha xestión discrecional dos fondos, o pinchacarneiro da posible reforma tan só se pode explicar na necesidade de aumentar o dióxido de carbono nos espazos onde aínda respirábamos osíxeno.

A visión dos califatos potenciada (con Baltar, Calvo, Louzán ou Besteiro) semella un esperpento de difícil explicación democrática e racional

A visión dos califatos potenciada (con Baltar, Calvo, Louzán ou Besteiro), previo exame ás administracións locais de menos de 20.000 habitantes na prestación de servizos, semella un esperpento de difícil explicación democrática e racional, orientada a introducir xestión do privado nos servizos que se digan deficientes.

Neste contexto, semella canto menos curiosa ou sorprendente a posición negociadora do PSOE, sobre todo despois de facer da desaparición das deputacións un compromiso nas últimas citas electorais. A Pasokización deste partido comeza a semellar un proceso irreversible.

A Pasokización do PSOE comeza a parecer un proceso irreversible

Nada se fala na reforma das necesidades de financiamento na Administración Local do noso país con base no envellecemento e a dispersión poboacional, da importancia de introducir mecanismos de democracia participativa regulados na toma de decisión, da necesidade de blindar a prestación de servizos básicos ameazados pola coartada da crise e o incumprimento sistemático da administración estatal e nacional. Nada se fala diso porque non interesa mellorar e optimizar a xestión dos concellos. A cuestión que está en xogo é facer dos entes locais chibos expiatorios. A cuestión que está en xogo é introducir, coa coartada da crise, o cabalo de Troia do neoliberalismo de catecismo nos concellos.

Facebooktwittergoogle_plusmailFacebooktwittergoogle_plusmail