Martiño: “A proposta da fusión é unha cuestión de honestidade pola experiencia”

Rafa: “Hai unha realidade administrativa, que separa, e unha real, que une”

Martiño e Rafa, Noriega e Sisto, concretaron este martes, 7 de maio, a súa proposta de fusión dos concellos de Santiago e Teo, onde ambos gobernan e se presentan á reelección por Compostela Aberta e SONdeTEO, nun acto celebrado no local que CA ten na rúa de Alfredo Brañas.

Trala presentación a cargo de Marta Lois, concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo e número 4 na lista de CA, e ante unhas cincuenta persoas, o rexedor santiagués referiuse, primeiro, ao “histórico fracaso” da cooperación entre concellos nestes quince-vinte anos e á necesidade “de artellar unha realidade máis alá dos límites administrativos” como é a fusión de concellos que propoñen, a cal supón “unha cuestión de honestidade pola experiencia” acumulada nos gobernos de Teo e de Santiago, defendeu.

Logo, Rafa Sisto reivindicou que el naceu en Luou, en Teo, pero que sempre se sentiu parte dese amplo territorio que conforma a capital de Galicia, porque está claro que hai “unha realidade administrativa, que separa, e unha realidade social que une”, e esa pertenza determina a responsabilidade de formar parte do futuro da capital.

Ler máisMartiño: “A proposta da fusión é unha cuestión de honestidade pola experiencia”

FacebooktwittermailFacebooktwittermail

Fusión dos Concellos: Un debate necesario

Levamos 20 anos vendo como o modelo actual non responde ás necesidades da xente de Compostela e na súa contorna.

Por iso, toca falar dunha vez con seriedade e con feitos da fusión de concellos e da construción da Gran Capital. Facémolo este martes con Martiño Noriega e Rafa Sisto, alcaldes de Santiago e Teo. Non faltes!

FacebooktwittermailFacebooktwittermail

Rafa Sisto, o noso candidato

O alcalde para asumir e desenvolver as propostas ambiciosas e imaxinativas de SONdeTEO

Unha ampla experiencia municipal avala a traxectoria de Rafa Sisto que, despois de compartir con Martiño o goberno durante oito anos, asumiu nesta última etapa a responsabilidade de ser o noso alcalde, o alcalde de todas e todos.

Nesta lexislatura, que semellaba difícil por non ter SONdeTEO a maioría (aínda sendo a forza máis votada), a capacidade de diálogo e de buscar o acordo propiciaron catro anos de goberno estable, unido e responsable. A estas alturas, ninguén se decata xa de que en Teo gobernamos en coalición e iso, non acontece por casualidade senón pola vontade de saber buscar o que une, de sacar o mellor de cadaquén para facer o mellor para o concello.

Por iso, SONdeTEO confía nel e decide apostar para que complete as tarefas pendentes. E con isto, non se trata de completar un trámite senón de asumir e desenvolver propostas ambiciosas e imaxinativas que estamos a debater nos últimos meses e coñeceredes proximamente.

Rafa ten a convicción de que hai vida máis alá da política e que só pode ser unha etapa na vida, por iso xa nos trasladou a súa decisión de que será a derradeira vez que se presente. Completar unha etapa para abrir o futuro. Coa nosa confianza!

Voceiro SONdeTEO, febreiro de 2019.

 

Descargar
FacebooktwittermailFacebooktwittermail

Á quinta, a SorTeo!

Mañá, 25 de Xullo, sacamos á venda, por quinto ano consecutivo, as nosas participacións de lotería para o Sorteo Extraordinario de Nadal e, a ver se desta vai o sorTeo e cae aquí, un belisco polo menos. O número que xogamos este 2018 é o 76.550, mercado novamente na Administración de Lotería Nº1 de Teo A Sorte que vén de cambiar de ubicación á Travesía de Montouto  nº 22, enfronte ao tanatorio.

Arrincamos pondo á venda 1.300 boletos de 2,5 € (26 talonarios de 50 participacións) o que supón xogar á lotería de Nadal 2.600 euros. Coma sempre, dous euros invístense no propio sorteo do Gordo do 22 de decembro e os 0,50 € restantes participan na rifa de douscentos euros de compra no MERCADO DE ALIMENTO LABREGO DE TEO, que se fai todos os sábados pola mañá na praciña circular dos Tilos. De vender, o total dos boletos SONdeTEO gaña 650 € para o seu peto de cara ás eleccións municipais previstas para o cuarto domingo de maio de 2019.

As nosas participacións saen, tamén coma sempre, do prelo  PARSAN GRÁFICA S.L. (parcela R-2 da vía Diésel do Polígono santiagués do Tambre) dos irmáns Pedro e María Pardo Sánchez, con veciñanza en Teo.

Desta volta, o deseño do billete reproduce o singular petróglifo teense do Outeiro do Corno I, localizado en Regoufe, na parroquia de Luou. Precisamente, o vindeiro ano porase en marcha o Parque arqueolóxico Compostela Rupestre que engloba os concellos de Teo, Ames, Val do Dubra, Brión e Santiago de Compostela.

Quen queira participacións pódese poñer en contacto con nós en persoa ou a través do correo electrónico eu@sondeteo.gal  con mensaxes polo Facebook ou polo Twitter.

 

Billete da Lotería do Nadal que xogamos na asemblea local de SONdeTEO

 

Na campaña de 2014, vendemos 981 participacións (case  40 talonarios de 25) que nos reportaron 490,50 euros. Reservaramos 6.000 euros de lotería e quedamos á beira dos 2.000. No 2015, melloramos! Vendemos 1.075 boletos (43 talonarios) que nos deron 507,50€ e, no 2016 foi semellante con 1.037 boletos. En 2017, xogamos case 1800€ de loteria ao vender 888 boletos que nos reportaron 444 euros.

Billetes da Lotería do Nadal dos anos 2014, 2015, 2016 e 2017

Todos estes números que xogamos os catro anos pasados nunca nada nos tocou, vai sendo hora ou?

FacebooktwittermailFacebooktwittermail

#FóraToysaldeTEO chega ao Parlamento galego e a Europa

O proxecto para unha planta de xestión de residuos da empresa Toysal en Teo ao abeiro da Lei do Solo revisada en febreiro de 2016 polo goberno galego do PP suma forzas en contra. A modificación da devandita lei permite que a instalación de xestión e tratamento de residuos sexa unha actividade permitida en solo rústico, conforme ao establecido no artigo 35 da Lei 2/2016, do solo de Galicia.

A lei aparece en febreiro de 2016, en outubro de 2017 hai un primeiro contacto da empresa co Concello para comunicar a compra da vella canteira da Casalonga “para depositar inertes” nun escueto escrito dun folio. En decembro de 2017, Toysal solicítalle á Xunta a autorización ambiental integrada e ao Concello, a compatibilidade urbanística. O goberno local esíxelle á empresa o proxecto detallado, o cal entra no concello en xaneiro de 2018. Nese momento, o goberno municipal encarga un informe técnico para saber da envergadura e consecuencias do proxecto de Toysal. En abril, o goberno dispón dese informe e en maio convoca a primeira reunión veciñal. Proxecto e informe están pendurados na web municipal e aquí clicando nas fotos.

 

“É importante ser conscientes de que xa temos información sobre o proxecto e con tempo suficiente para preparar as alegacións en contra dunha instalación que non consideramos axeitada nesa localización”, sinala o alcalde, Rafa Sisto, no InformaTeo deste mes.

No traballo que nos queda por diante de levar o noso rexeitamento á planta de Toysal en Teo, dous deputados de En Marea no Parlamento galego, Antón Sánchez García e Marcos Cal Ogando, veñen de rexistrar no Parlamento de Galicia, con data de 7 de xuño, unha pregunta para resposta oral en pleno que di así: “Que valoración fai a Xunta de Galicia deste proxecto para unha planta de tratamentos de residuos?

Ao mesmo tempo, presentaron outra pregunta para resposta oral na Comisión 2ª de Ordenación Territorial, Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos co seguinte contido:

1) Que valoración fai a Xunta de Galicia deste proxecto para unha planta de tratamentos de residuos?

2) Considera que a ubicación proposta é a idónea?

3) Considera que a documentación presentada é suficiente e suficientemente rigorosa?

Na mesma liña, a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa, Lidia Senra, elevou á Comisión Europea as seguintes preguntas:

Ten constancia do proxecto de Toysal en Teo?

Pode analizar a súa compatibilidade coa Directiva 2010/75/UE?

Tendo en conta que o Concello está en contra desta instalación e que tamén se constituíu unha plataforma veciñal, que pensa facer para que se garanta o acceso á información e participación pública no procedemento previo ao permiso?

As preguntas van argumentadas con toda a información que lles aportaron tanto o goberno de Teo como a veciñanza, representada pola Plataforma Casalonga Limpa de Residuos, na visita que fixeron unha semana antes.

 

O tamén voceiro nacional de anova, Antón Sánchez, e a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa, Lidia Senra, fixeron unha visita institucional ao Concello o pasado venres 1 de xuño para coñecer toda a información da que dispoñía o goberno local. Á reunión na Alcaldía asistiron integrantes da Plataforma canda o alcalde, Rafa Sisto, a concelleira de Urbanismo, Uxía Lemus, e o concelleiro de Participación Veciñal e veciño da Casalonga, Ignacio Iglesias.

Trala visita institucional, persoas da Plataforma amosáronlles ao deputado e á eurodeputada os terreos da antiga canteira da Casalonga mercados por Toca y Salgado.

 

Un mes despois da primeira asemblea informativa convocada polo goberno o 15 de maio na escola de Francos e cando “a exposición pública do proxecto será como moi cedo en outubro ou novembro”, segundo sinala Rafa Sisto nunha entrevista en Galicia Confidencial  tense avanzado moito na loita contra a planta de Toysal.

Primeiro, coa unión da veciñanza toda en torno á Plataforma, a parte imprescindible para lograr que a planta non se instale na Casalonga. Ademais, houbo ata tres asembleas informativas organizadas polo goberno municipal: a devandita do 15 de maio en Francos; outra, o 31 no restaurante San Martiño e unha terceira, no auditorio Constante Liste o 31 de maio. Tamén montou unha mesa redonda no mesmo restaurante o 6 de xuño.

A nivel municipal, o pleno do 30 de maio aprobou o veto ao proxecto de Toysal, consensuado previamente entre o grupo de goberno (SONdeTEO e PSOE), PP e BNG. Aquí podedes consultar a moción.

No plano institucional, o 31 de maio, o alcalde e a edila de Urbanismo  reuníronse con representantes de Ames e Brión, para solicitarlles  unha fronte común para evitar a instalación da planta de Toysal presentando alegacións ao proxecto cando estea no período de exposición pública. Petición que ambos os concellos aceptaron, ao compartir a súa preocupación polo impacto negativo da instalación.

O día 6 de xuño, integrantes da Plataforma acompañaron o alcalde, Rafa Sisto, e ao resto de grupos políticos municipais ao encontro na Consellería de Medio Ambiente coa directora xeral de Calidade Ambiental, María Cruz Ferreira, e co delegado do Goberno, Ovidio Rodeiro.

O 10 de xuño, moitas persoas de Teo sumámonos á manifestación convocada pola Plataforma veciñal Mina Touro-O Pino NON e a Plataforma en Defensa da Ría de Arousa baixo o lema: ‘NON QUEREMOS UNHA HERDANZA ENVELENADA”. Miles de persoas enchemos as rúas de Compostela como había tempo que non se vía desbordando a praza do Obradoiro, onde se leu o manifesto que facía alusión á oposición total á planta de Toysal en Teo.

O 17 de xuño, milleiros de persoas camiñamos desde sete puntos do municipio convocadas pola Plataforma veciñal ata a carballeira de Cornide e logo ata a propia canteira para berrar: Fóra Toysal!

FacebooktwittermailFacebooktwittermail

CALENDARIO 2018, O PICO SACRO!

Por quinto ano consecutivo, sacamos á venda almanaques cento por cento en galego e cento por cento de TEO

O protagonista das trece fotos é a montaña pertencente ao concello de Boqueixón e que gozamos en Teo desde todas e cada unha das nosas parroquias

A xente de SONdeTEO fixemos, por quinto ano consecutivo, un calendario só en lingua galega, cento por cento teense, coas nosas festas parroquiais e os nosos festivos canda outros acontecementos de interese desde o punto de vista de TEO. Fixémolo por primeira vez no ano 2014 (http://sondeteo.gal/almanaques/ano-2014/), repetimos no 2015 (http://sondeteo.gal/almanaques/ano-2015/) e no 2016 (http://sondeteo.gal/almanaques/ano-2016/), no 2017 (http://sondeteo.gal/almanaques/ano-2016-2/) e agora, acabamos de sacar do prelo o 2018.

 

O calendario mantén o prezo de todos estes anos. Vendémolo a cinco euros dos que tres (3,14€, exactamente) son para pagarlle á imprenta e os outros dous para as arcas de SONdeTEO-anova. Como fixemos unha primeira tiraxe de 125 exemplares, suporíanos facernos con douscentos trinta e tres euros despois de recuperar o investimento de 392 € que lle pagamos ao prelo.

Como vimos facemos en cada edición, agás a do ano pasado adicada por enteiro á feira do San Martiño, as trece páxinas do calendario (a portada máis os doce meses) son feitas desde as trece parroquias de Teo.  Desta volta, o protagonista é o Pico Sacro, a fermosa montaña que pertence ao veciño concello de Boqueixón e que gozamos desde todas as parroquias de Teo, nunhas con maior presenza ca noutras pero todas co seu aquel.

Cadanseu mes do ano 2018 leva tamén o seu refrán e as lúas. Aos sábados, indicamos cunha cestiña que hai Mercado de Alimento Labrego de Teo nos Tilos que para o ano cumpre seis e estreará cuberta na praza circular onde se celebra. Figura, así mesmo, indicación mensual da celebración do pleno municipal, aos derradeiros mércores de mes. Para iso usamos o novo logo municipal, que resultou gañador por votación popular e, posteriormente, aprobou o pleno.  Ademais, recorda a celebración das nosas asembleas locais, o primeiro luns dos meses pares, no restaurante María Castaña da Ramallosa, e o primeiro mércores dos impares, no Pórtico de Cacheiras. Animádevos vir e sumarvos a tomar partido. Sempre son abertas a todas as persoas veciñas de Teo con gana de aportar ao común e traballar por facer un concello mellor.

O almanaque tamén recolle as festas laborais en Galicia:

  • 1 de xaneiro Aninovo
  • 6 de xaneiro Día de Reis
  • 29 de marzo Xoves Santo
  • 30 de marzo Venres Santo
  • 1 de maio Festa do Traballo
  • 17 de maio Día das Letras Galegas
  • 25 de xullo Día Nacional de Galicia
  • 15 de agosto A Asunción
  • 12 de outubro Día da Hispanidade
  • 1 de novembro Todos os Santos
  • 6 de decembro Día da Constitución
  • 8 de decembro A Inmaculada
  • 25 de decembro Nadal

As festas mencionadas teñen carácter retribuído e non recuperable, agás o día 17 de maio, Día das Letras Galegas, que terá carácter recuperable, segundo o Diario Oficial de Galicia.

Ademais, tamén serán inhábiles para o traballo, retribuídas e non recuperables, dúas festas locais, propostas polo órgano municipal competente dos respectivos concellos. En Teo serán a Ascensión, 10 de maio, e o venres seguinte ás Letras Galegas porque así se elixiu en votación popular no portal de participación veciñal municipal https://somos.teo.gal/

Tamén recollemos, como todos os anos, os festivos dos oito concellos limítrofes:

  • Santiago de Compostela: Ascensión, 10 de maio, e San Roque, 16 de agosto.
  • Ames: Martes de Entroido, 13 de febreiro, e Ascensión.
  • Brión: Ascensión e Santa Minia, 27 de setembro.
  • Boqueixón: 22 de xaneiro e Ascensión.
  • Vedra: Ascensión e O Patio, 17 de setembro.
  •  A Estrada: as Festas patronais de San Paio, 26 e 27 de xuño.
  • Rois: Luns de Pascua, 2 de abril e San Sidro Labrador, 15 de maio.
  • Padrón: Luns de Pascua e San Xoán do Raio, 7 de maio.

Por suposto, recolle as citas festeiras nas nosas trece parroquias: Bamonde, Calo, Lampai, Rarís, Reis, Teo, Vilariño, Cacheiras, Lucí, Luou, Oza, Recesende e Os Tilos.

A maiores, este ano incorporamos, ás efemérides que xa viñan figurando, un feixe de datas reseñables tanto galegas como teenses. Destacamos o vinte e cinco aniversario do zapato de Beiras, o 10 de marzo de 1993, o daquela deputado do BNG quitou o zapato durante as sesión plenaria e golpeou o escano ao estilo Khruschev para ser oído ante o seu desacordo pola iniciativa do PP de modificar a lexislación do Parlamento.

Ademais, aparecen os probables días dos atranques dos Xenerais en Teo, e dicimos probables porque sempre poden variar xa que cando facemos o calendario aínda as comisións non decidiron sobre cando e como saír e poñemos as datas consonte foron o ano anterior.

Tamén figura para a lembranza e a reclamación o asasinato do tenente-alcalde Constante Liste Forján, cuxo corpo segue desaparecido desde aquel 3 de outubro do 36; o Día da Galiza Mártir e o do recordo a Ánxel Casal e as Vítimas do 36. O cabodano do noso Fillo Adoptivo, Avelino Pousa Antelo. O Día de Rosalía, o xurdimento das Irmandades da Fala hai 102 anos e a estrea do himno galego na Habana en 1907. O nacemento do mestre de Vilar de Francos, agrario e poeta, Bonifacio Suárez. A Batalla de Cacheiras, o Día da Ciencia en Galego. O primeiro aniversario da creación do Servizo Municipal de Augas e o Día da Clase Obreira Galega. As tradicionais festas dos Maios e a das Cabazas. O quinto cabodano do accidente do tren Alvia na curva da Grandeira en Angrois. A desfeita do Prestige co Nunca Máis. O aniversario da inauguración do Museo do Pobo Galego. Os adiantos e atrasos nos reloxos o derradeiro fin de semana de marzo e de outubro, os cambios de estación, a celebración de días mundiais como o da Muller e moitas máis cousiñas interesantes. Oxalá vos preste! GOZADE DO 2018!

FacebooktwittermailFacebooktwittermail