Xulguen vostedes!

Teo, 1 agosto 2019. – O pleno de onte, aprobou, cos votos a favor das forzas que conforman o goberno (SONdeTEO  + PSdeG-PSOE), a abstención do BNG e a oposición do PP manter as cinco dedicacións e media que propoñiamos desde o principio. (Véxase: http://sondeteo.gal/2019/07/coas-ideas-claras/).

O ‘gran cambio’ é que a dedicación parcial pasa a ser do 50% no canto do 75% e os soldos mantéñense como no 2015, moi lonxe daqueles emolumentos percibidos no seu tempo (38.000 e 36.434) por ambas as persoas electas polo BNG nestas eleccións, como se ve nesta imaxe:

 

Por 21.400 €/ano, o BNG mantivo paralizado o Concello máis dun mes. Desde o 15 de xuño, só o alcalde, porque llo permiten as súas ‘vacacións’ de profesor de instituto, estivo todos os dúas ao pé do canón no Concello. As restantes sete persoas do goberno traballaron cando podían trala súa xornada laboral. Aforrar pechando o Concello, como o PP pecha as plantas dos hospitais no verán.

E agora, o outro ‘gran logro’, quedamos cun concelleiro traballando a media xornada en vez de tres cuartos. Teo perde! Un edil queda cun cuarto de tempo menos para traballar polo Concello. E segue a haber dúas persoas que non teñen adicación de ningún tipo! Renegamos desta precariedade laboral perseguida polo BNG en Teo! Noutros Concellos aceptan o que faga falla… e aquí, nin aceptaron entrar no goberno, como lle ofrecemos en repetidas ocasións e en todas as versións, tanto nun bipartito coma nun tripartito, sen dar razón ningunha.

Agora ben, ao importante, por fin está resolta a organización do Concello. A traballar!

Estamos cansas de ver as esquerdas pelexar. Por nós, non vai ser! Na Corporación municipal teense, hai dez persoas na esquerda e sete na dereita. Témolo claro! Cando remate esta lexislatura (2019-2023), Teo cumprirá dezaseis anos (2007-2023) seguidos de goberno de esquerdas e que siga. Ese é o logro!

 

*Vídeo completo pleno 31 xullo 2019:  https://www.youtube.com/watch?v=Ov43pu_bm_4

 

 

 

Facebooktwittergoogle_plusmailFacebooktwittergoogle_plusmail

Coas ideas claras

A Teo, con 18.525 habitantes, correspóndelle elixir 17 membros para a súa Corporación local. Os resultados do 26 de maio pasado foron:

7 para o PP

4 para SONdeTEO

4 para o PSOE

2 para o BNG

Isto supón que ou hai 10 fronte a 7 ou non hai. O día da constitución da Corporación e da elección de alcalde (15 xuño) así se deu e resultou elixido alcalde o noso candidato, Rafa Sisto cos 10 votos de SONdeTEO, PSOE e BNG. Feito que agradecemos e valoramos! Se non tivera sido así, o alcalde sería o aspirante do PP, Manuel Guerra.

Logo vén formar goberno. O BNG, imprescindible para a desexable maioría absoluta de 9, non quere entrar nun goberno a tres (4+4+2), declina facelo nun a dous (4+2) e ata se nega a entrar na Xunta de Goberno Local. En todos os casos, responde co ‘non’ sen máis, sen unha soa petición ou explicación sobre o programa de goberno ou o organigrama ou calquera outra cousa. Agora si, cando SONdeTEO e PSOE negocian e pechan un acordo de goberno, acorde ao 4+4 dos resultados electorais, o BNG oponse rotundamente a que haxa cinco adicacións exclusivas máis unha parcial ao 75%.

 

Como podedes ver na imaxe, a Teo con poboación de entre 15.001-20.000 habitantes, correspóndenlle ata SETE persoas en réxime de DEDICACIÓN EXCLUSIVA cun soldo máximo de ata 53.065 €. Ademais, pode contratar ata dúas persoas de confianza como PERSOAL EVENTUAL.

Ben, no histórico desde 2007, en que o BNG chega ao goberno da man de Martiño Noriega e Rafa Sisto, en todas as lexislaturas o número de adicacións é sempre semellante. Precisamente, o máis avultado foi na lexislatura 2007-2011, curiosamente con Carme Diéguez, agora de novo concelleira, cobrando 38.000€. Tamén curiosamente,  en 2011,  Manuel Anxo Fernández Baz, no goberno con marioría absoluta de Martiño Noriega, ten unha adicación exclusiva de 36.434 €, superior á que se propón para este mandato. Ademais, en ambas as lexislaturas había dúas persoas de confianza, que Sisto xa reduciu a unha na pasada. E, ademais, todas estas lexislaturas pasadas, os gobernos contaron con persoas xubiladas que traballaron con adicación plena ao Concello sen cobrar ren: No 2007, Andrés Fernández; no 2011, Anxo Rei e no 2015, Roberto Moniño.

Coas ideas claras, o alcalde de Teo está a traballar sen remuneración ningunha no Concello desde o pasado 15 de xuño en que resultou elixido. Por sorte, o rexedor é profesor de instituto e pode ‘gozar’ das vacacións escolares cumprindo coas obrigas do cargo. As outras sete persoas que conforman o goberno, segundo o decreto das delegacións da alcaldía asinadas o 3 de xullo, fano na medida en que llo permiten os seus traballos remunerados. Cabe destacar que das oito persoas do goberno SONdeTEO-PSOE, aínda hai dúas que quedarían sen dedicación de ningún tipo:

  • A concelleira de SONdeTEO, María López Álvarez, tamén profe de instituto, que compaxinará o seu traballo no IES co do goberno municipal e a súa familia dunha filla e dous fillos.
  • O concelleiro socialista Roberto Moniño, xubilado.

Daquela, sentidiño e responsabilidade. Non alonguemos esta precariedade. A proposta de SONdeTEO e PSOE é acaída para un Concello como Teo. Semella que o BNG, onde é prescindible, entra no goberno pero, alá onde é imprescindible, como en Teo ou en Redondela, fuxe da responsabilidade que as urnas lle esixen. O caso é, como defende, Francisco Jorquera, edil do BNG na Coruña, onde asinou acordo de goberno bipartito co PSOE que os concelleiros teñan “medios suficientes”, aínda que tamén apuntou que as retribucións deben “evitar excesos” e ter en conta o “contexto social”. Pois iso!

 

O réxime de dedicación exclusiva supón a entrega diaria e en exclusiva ao traballo no Concello coa presenza diaria da persoa responsable política para a xestión, coordinación e seguimento tanto a nivel interno (co equipo de goberno e persoal municipal) como a nivel externo (atención persoal á cidadanía), para acadar unha xestión eficaz e eficiente que se materialice na consecución dos obxectivos do programa de goberno e unha maior atención persoal ás demandas da cidadanía, segundo argumenta a secretaria do Concello de Lousame (anuncio de dedicacións exclusivas e parciais BOP, xoves 11 xullo 2019).

A lexislación aplicable para fixar a organización do Concello é a seguinte:

  1. Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local (LRBRL)
  2. Real Decreto-Lei 24/2018, do 21 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes en materia de retribucións no ámbito do sector público (convalidado polo Congreso dos Deputados na sesión do 22.01.2019)
  3. Real Decreto 2568/1986, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais (ROF)
Facebooktwittergoogle_plusmailFacebooktwittergoogle_plusmail

Sobre as negociacións para un goberno en Teo

A Asemblea local de SONdeTEO, reunida onte pola noite para valorar o proceso de negociación de cara á formación dun goberno de esquerdas no Concello de Teo, considera:

 

 

Que trala elección como alcalde do candidato de SONdeTEO, Rafa Sisto, esta organización séntese responsable e comprometida coa formación do novo goberno o antes posible, para encarar o importante traballo que desenvolver nesta lexislatura.

Que dende o momento no que o BNG de Teo, cunha posición de colaboración e diálogo, decidiu non participar nas negociacións para un goberno a tres, avanzouse, decididamente, para repetir a coalición de goberno co PSOE de Teo, recoñecendo o novo escenario resultante das eleccións que determinaba un reparto distinto das responsabilidades.

Que máis alá das discrepancias que poidan darse nas negociacións, SONdeTEO considera que debe garantirse que as dúas formacións teñan a capacidade e medios necesarios para desenvolver o traballo asignado. Neste contexto, non se entende que o partido socialista se negue a que SONdeTEO conte con 3 das 7 dedicacións exclusivas dispoñibles legalmente na corporación de Teo, nin moito menos que se queira impedir que a alcaldía conte cunha persoa de confianza na xefatura do seu gabinete (incluída a comunicación), cando o máximo permitido pola lei son dúas.

Que SONdeTEO non está por precarizar o traballo das persoas reducíndolles a súa dedicación a media xornada, que non permite nin facer o que hai que facer no Concello, nin desenvolver o traballo profesional de cadaquén. Quen entende que un alcalde de case 20.000 habitantes non conte a tempo completo cunha persoa que atenda as chamadas, concerte e prepare citas, negocie axendas con outras institucións ou atenda a prensa?

Que esta situación é aínda menos comprensible ao comparala coa actitude do PSOE en concellos veciños como Ames, Santiago ou Oroso, nos que se propicia que as concelleiras e concelleiros poidan dedicarse a gobernar o Concello e co persoal de confianza que necesitan, incluso na oposición.

Que SONdeTEO pretende gobernar Teo con responsabilidade, e sabe ben que para iso se precisan persoas preparadas e que poidan dedicar o seu tempo a ese fin e, polo tanto, esta é unha condición irrenunciable para formar un goberno de coalición en Teo.

Que, consecuentemente, despois de numerosas dilacións na negociación que provocaron que o alcalde leve atendendo el só o goberno do Concello e sen cobrar un euro dende a súa elección (hai case 15 días), hoxe procedeu a pedir a reincorporación no seu centro de ensino, coas consecuencias que isto conleva na xestión municipal.

Que, loxicamente, esta situación non pode durar nin é sostible, polo que SONdeTEO comunicoulle ao Partido Socialista de Teo que, ou este próximo venres acepta as condicións expostas na negociacións ou, o luns a primeira hora, o alcalde de Teo nomeará un goberno formado polas persoas elixidas como concelleiras por SONdeTEO e convocará o pleno organizativo para o próximo xoves, confiando na responsabilidade das forzas políticas que forman a corporación. Unha vez dado este paso, non desexado pero inevitable, asumiremos con todas as consecuencias o compromiso de goberno, como ata agora fixemos.

Facebooktwittergoogle_plusmailFacebooktwittergoogle_plusmail

Teo resiste na esquerda

SONdeTEO celebrou, onte, unha asemblea local para valorar os resultados electorais do pasado domingo e definir estratexias de futuro.

SONdeTEO agradece, publicamente, a colaboración da cidadanía teense co labor de goberno realizado na pasada lexislatura e, moi especialmente, o apoio recibido nestas eleccións polas 2.482 persoas que decidiron que SONdeTEO sexa a forza máis votada como alternativa ao Partido Popular.

 

 

Na asemblea de onte, analizamos as causas que puideron determinar a perda importante de votos e valoramos, positivamente, que as forzas de esquerda acadaran máis do 60% dos votos 10 de 17 concelleiras/-os, o que consolida, por cuarta lexislatura consecutiva, que a dereita quede fóra do goberno do Concello de Teo.

 

SONdeTeo asume con responsabilidade o mandato da cidadanía de liderar a formación do novo goberno con Rafa Sisto como alcalde, para o que convocará os outros partidos políticos da esquerda, PSOE e BNG, nos próximos días, convencidas da disposición colectiva de todas as forzas para acadar un pacto estable que garanta a gobernabilidade na próxima lexislatura.

Facebooktwittergoogle_plusmailFacebooktwittergoogle_plusmail

As fotos, entre Calo e Cacheiras, no parque e no bus

Calo e Cacheiras, un parque e unha parada de bus, son ambas as escenas escollidas para encadrar os carteis electorais para esta campaña que comeza de cara ás Municipais do domingo 26 de maio.

Con ambos os encadres buscamos espazos públicos, comúns, ao aire libre e de uso diario. Cacheiras e Calo, as dúas parroquias máis poboadas do concello con cadansúas 5.712 e 4.709 habitantes, segundo o último padrón municipal.

A foto para o cartel do número 1 da lista, candidato á alcaldía e actual rexedor de Teo, Rafa Sisto, fixémola un solleiro 21 de marzo no parque da igrexa de Calo. Queriamos fondo verde e os loureiros, cheos de flor do fondo do parque, fixeron o perfecto fondo natural.

O encargado de tirar as fotos volveu ser, como en 2015, Miguel Méndez. Daquela, fixéramola asomado a unha das ventás do local da Mámoa de Luou.

Á hora de montar os cartel, o deseñador Alberto Rivadulla constrúe unha composición diferente que dá o cartel electoral que vemos cun corte novidoso por riba dos xeonllos fuxindo doutros máis clásicos e anódinos. Neste mesmo profesional confiamos os deseños de voceiros, dípticos e toda a cartelería de SONdeTEO.

No que se refire ao cartel colectivo, optamos por unha parada de bus, vinculándoa coa relevancia dun transporte público digno do que non gozamos e que demandamos. Eliximos a marquesiña da travesía de Montouto 26, diante das pistas deportivas, ben grande e na que collemos as 25 persoas da  lista de SONdeTEO. O domingo 28 de abril, día de votar nas eleccións xerais, de boa mañá e petando ben o sol, fixemos a foto colectiva á que faltaron cinco persoas que logo pegamos co máxico photoshop. Ademais, este cartel do conxunto da candidatura na marquesiña do bus sérvenos para ir ilustrando cada día onde imos facendo  as paradas, o acto de campaña. Acompañádenos. Vinde saudarnos, coñecernos, escoitarnos!

O venres 10, en Solláns-CALO

O sábado 11, na Ramallosa-LUCÍ

O domingo 12, en RECESENDE

O luns 13, na A Torre-CACHEIRAS

O martes 14, en OZA

O mércores 15, en REIS

O xoves 16, en Francos-CALO

O venres 17, en TEO

O sábado 18, en LAMPAI

O domingo 19, en LUOU e BAMONDE

O luns 20, en VILARIÑO

O martes 21, en CACHEIRAS

O mércores 22, en RARÍS

O xoves 23, nos TILOS

O venres 24, en CALO

Isto son un feixe de curiosidades para que as coñezades, se vos apetece, ou non lle fagades nin caso, se non vos presta, pero quede por aquí pendurado como foi o conto do que lle chaman o making-of, o como se fixo, e vinde vernos.

Facebooktwittergoogle_plusmailFacebooktwittergoogle_plusmail

Martiño: “A proposta da fusión é unha cuestión de honestidade pola experiencia”

Rafa: “Hai unha realidade administrativa, que separa, e unha real, que une”

Martiño e Rafa, Noriega e Sisto, concretaron este martes, 7 de maio, a súa proposta de fusión dos concellos de Santiago e Teo, onde ambos gobernan e se presentan á reelección por Compostela Aberta e SONdeTEO, nun acto celebrado no local que CA ten na rúa de Alfredo Brañas.

Trala presentación a cargo de Marta Lois, concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo e número 4 na lista de CA, e ante unhas cincuenta persoas, o rexedor santiagués referiuse, primeiro, ao “histórico fracaso” da cooperación entre concellos nestes quince-vinte anos e á necesidade “de artellar unha realidade máis alá dos límites administrativos” como é a fusión de concellos que propoñen, a cal supón “unha cuestión de honestidade pola experiencia” acumulada nos gobernos de Teo e de Santiago, defendeu.

Logo, Rafa Sisto reivindicou que el naceu en Luou, en Teo, pero que sempre se sentiu parte dese amplo territorio que conforma a capital de Galicia, porque está claro que hai “unha realidade administrativa, que separa, e unha realidade social que une”, e esa pertenza determina a responsabilidade de formar parte do futuro da capital.

 

Como tamén fixo Noriega, Sisto criticou que hai “un corsé administrativo que non está preparado para a cooperación intermunicipal”. E o fracaso do parque de bombeiros é a plasmación máis clara, explicou, porque Teo podería contratar dúas ou cinco persoas e Ames, seis ou sete e mandalas traballar a onde se puxera o parque de bombeiros pero iso “impídeo a lei e só temos unha forma de solucionalo”, a fusión, para ter capacidade de decisión, defendeu.

Noriega salientou que hai “unha realidade supramunicipal que nos desborda” e considera “frustrantes” exemplos que foi detallando como a mobilidade, as emerxencias, as persoas en exclusión social, a programación cultural… “No transporte metropolitano levamos 15 ou 20 anos coas mesmas demandas que se o corredor Bertamiráns-Brión, que o de Montouto-Cacheiras…” e destacou que cada día entran na cidade o dobre de coches do parque móbil de Santiago. “Se hai un incendio en altura nos Tilos, Milladoiro ou Montouto non hai quen actúe”, o alcalde explicou como, tras chegar a un acordo de consenso co parque de bombeiros, tiráronse ao lixo dous anos e medio de traballo por non cumprir a taxa de reposición que marca o goberno de España.

Quen fora alcalde de Teo dúas lexislaturas (2007-2015) advertiu que esta non é unha “proposta electoralista porque só a defendemos nós” e entende que é o momento de dar o debate “e dalo en aberto” xa que dicir que hai que seguir cooperando é o día da marmota. Ademais, Martiño Noriega apelou ao eterno soño de que Santiago chegue ás 100.000 persoas e Teo, ás 20.000 e sinalou que a ninguén se lle escapa que houbo unha marcha de xente, por causas diversas, a Teo e a Ames, que manteñen a súa vida en Santiago. Ademais, asegurou manexar estudos demoscópicos que apuntan a que, entre o 50 e o 60% da poboación está a favor da fusión, que daría lugar á terceira cidade máis poboada do país (115.000) por detrás de Vigo (293.000) e A Coruña (244.000).

Transformación territorial e avance cara ao público, referendados pola cidadanía

Como Noriega, Sisto defendeu que isto “non é unha ocorrencia electoral” e comprometeuse a presentar, nun ano, un convenio de fusión para negocialo co goberno de CA “beneficioso para ambos” os concellos. Un convenio que implique a transformación territorial e avance cara ao público. “Isto é Política Territorial pura!”, destacou. Un convenio, que primeiro traballarán as forzas políticas e que logo ten que ser referendado pola cidadanía, tal e como recolle a Carta Europea de Autonomía Local: “Artigo 5.º Protección dos límites territoriais das Entidades locais. Para calquera modificación dos límites territoriais locais, as colectividades locais afectadas deberán ser consultadas previamente, chegado o caso, por vía de referendo alá onde a lexislación o permita”, resaltou. Iso si, para que o devandito referendo se leve a cabo téñeno que aprobar os pleno municipais, non só os gobernos locais, e aí chamaron a atención sobre como queden conformadas as corporacións o 26 de maio.

En ambas as fusións levadas a cabo en Galicia polo PP, en Oza-Cesuras (xuño 2013-5.100 habitantes) e Cerdedo-Cotobade (setembro 2016-6.100 hab.) non se consultou a cidadanía nunca! Ademais, o alcalde de Santiago ve nestas fusións de concellos con maioría absoluta do PP unha intención de aforro na prestación de servizos e iso non é o que persegue a fusión que CA e SONdeTEO propoñen.

No referente ao financiamento do Estado, explicou Rafa Sisto, a lei marca un aumento dun 10% para os concellos fusionados pero, “no caso de Teo, vai supoñer moito máis ao cambiar o mecanismo de financiamento que pasa a determinarse en función de impostos como o IRPF”. Sendo Teo o sexto concello con máis renda de Galicia (Axencia Tributaria 2016), estímase un incremento próximo ao 30%.

Martiño Noriega manifestou que nas anexións de Enfesta (1962) e Conxo (1925) houbo absorción e cre que ten que haber unha descentralización administrativa, que a Lei de Grandes Cidades permite creando distritos como tamén defendeu Sisto.

“Co precedente de Teo, xa ninguén cre que vaiamos de farol”

Nesta liña, o actual alcalde de Teo e candidato á reelección defendeu que gañaron a lexitimidade para facer esta proposta porque ambos gobernaron en Teo e “non seremos tan suicidas para propoñer algo en contra de Teo”. “En base á nosa credibilidade e capacidade”, reclamou o teense, “temos a experiencia e o criterio suficiente” para presentar esta proposta. A outros, sinalou, “non se lles pasa pola cabeza porque non teñen nin a idea nin a capacidade suficiente para facelo”. Ademais, Noriega advertiu de que hai moitas concesionarias nerviosas co proceso electoral porque CA xa municipalizou a ORA e o guindastre pero está aí a auga e, “co precedente de Teo, xa ninguén cre que vaiamos de farol”.

Sisto recordou como, cando chegaron ao goberno en 2007, tras doce anos de Armando Blanco, “en Teo ninguén era de Teo”. A xente era de Calo, de Luou… da parroquia e lograron instaurar ese sentimento do  ‘Teo é teu’ e “non imos renunciar a iso. Queremos ser da capital de Galicia sen renunciar ao que somos”. Na mesma liña, Noriega alardeou de ser de Calo e defendeu que a identidade “está recoñecida parroquialmente”.

 

“Queremos ser de Teo e composteláns, en sentido amplo”

O rexedor de Teo citou casos curiosos como que a parroquia teense dos Tilos teña liña urbana de bus con Santiago ou que no pavillón de Sar, un concesionario de coches se anuncie como de Milladoiro-Santiago cando nin está no Milladoiro nin en Santiago senón en Reborido-Teo. Chamou a romper coa dinámica da competición porque se Santiago non chega a 100.000 é porque llos sacamos e se Teo non chega a 20.000 é porque nolos quitan. En resumo, “sentímonos composteláns, pero somos composteláns de segunda. Porque non podemos decidir nin na ORA, nin na liña de bus dos Tilos… e queremos ser de Teo e composteláns, en sentido amplo, de ter capacidade de decisión”, defendeu Rafa Sisto.

Sobre algunhas das preocupacións expresadas polas persoas presentes cos impostos, falaron do IBI, que Teo ten un coeficiente superior a Santiago trala nova ponencia de valores do Ministerio de Facenda; no de vehículos é superior Santiago e no lixo son bastante próximos. Ademais, apuntaron que, por exemplo, os Plans de Ordenación Municipal (PXOM) de ambos os concellos están redactados pola mesma empresa e o alcalde de Santiago salientou que ata negociou en Teo co mesmo representante sindical da CIG que agora negocia en Santiago. Sobre o cadro de traballadoras municipais, en Teo é escaso, unhas 130 persoas tralas últimas municipalizacións da auga, mantemento eléctrico, xardíns, limpeza e escolas infantís e Santiago, tampouco elevada, dunhas 600-700 persoas.

Sobre os medos polo histórico abandono do rural, o alcalde santiagués explicou que, dos 220 km2 da capital, 190 son rural, onde vive o 15% da poboación e iso motivou que os gobernos anteriores non investiran aí pero CA virou esa situación.

Cuestionados sobre porqué ningunha outra forza política defende a fusión apuntaron riseiros que desaparecen moitos cargos públicos “e iso non está moi ben visto pola clase política, pola conta que lle ten”, comentou Sisto. Das 17 actas de Teo e as 25 de Santiago, o novo Concello pasaría a 27 para as próximas eleccións. “Pérdense 15, incluído un alcalde!”, sentenciaron.

O ramo ao acto aínda llo puxo unha veciña de Berdía que parabenizou os alcaldes polo “obvio” que é o que contan e gaboulles a valentía de facelo.


 

 

 

 

 

 

 

 

Facebooktwittergoogle_plusmailFacebooktwittergoogle_plusmail

Fusión dos Concellos: Un debate necesario

Levamos 20 anos vendo como o modelo actual non responde ás necesidades da xente de Compostela e na súa contorna.

Por iso, toca falar dunha vez con seriedade e con feitos da fusión de concellos e da construción da Gran Capital. Facémolo este martes con Martiño Noriega e Rafa Sisto, alcaldes de Santiago e Teo. Non faltes!

Facebooktwittergoogle_plusmailFacebooktwittergoogle_plusmail