Quen somos?

Quen somos? SONdeTEO somos cidadanía teense organizada politicamente ao redor da nosa asemblea aberta a calquera persoa para, entre todas, decidir como gobernar o noso concello e espallalo máis alá exportando, coma sempre promovemos, ‘o modelo Teo’ ao país.

O nome de SONdeTEO nace co gallo das eleccións municipais de 2015, onde xorden por toda Galiza candidaturas de unidade popular artelladas nas chamadas mareas municipalistas. En Teo, presentámonos como SONdeTEO-anova e baixo o paraugas da coalición electoral ‘son’, de anova e Esquerda Unida, que dá cobertura e soporte xurídico a preto de sesenta iniciativas cidadás deste tipo.

A candidatura SONdeTEO-anova, encabezada polo actual rexedor, Rafa Sisto, logra 3.651 votos (o 38,68%), sete concelleiras/-os. Sisto sae elixido alcalde na sesión constitutiva da corporación, o 13 de xuño, por maioría absoluta cos sete votos do seu grupo e máis os dous apoios do PSOE, coa abstención do único edil do BNG e cos sete en contra do PP.

No caso concreto de Teo, o xermolo vén de atrás. Siniestro Total preguntaba Quen somos? De onde vimos? A onde imos? (álbum ‘Menos mal que nos queda Portugal. outubro de 1984)…

De onde vimos? Algunhas persoas eramos militantes daquel BNG que se escinde en febreiro de 2012, cando goberna Teo con maioría absoluta (9 de 17) desde as municipais de maio de 2011 e, antes con maioría simple (6) desde 2007, co tándem liderado polo alcalde Martiño Noriega e mailo tenente-alcalde Rafa Sisto. Sete das nove persoas electas deixan o Bloque e mantéñense como grupo de goberno sen adscrición ningunha. Comeza a travesía en mar aberto

A asemblea de Teo reconstitúese ao redor do Novo Proxecto Común, que presentamos nun acto o 8 de xuño de 2012 no restaurante Pórtico de Cacheiras, en sintonía con movementos semellantes que xorden por todo o país e que conseguen achegar en Teo a unha chea de persoas de variada procedencia política. Como afirma Martiño Noriega, no primeiro voceiro, que fixemos para a ocasión: “Seguimos no goberno de Teo coa mesma responsabilidade e ilusión” e “coa esperanza de continuar a asentar un concello participativo, aberto, comprometido e orgulloso de seu”. Ademais, este folleto xa pon de relevo “a nosa intención de construír unha alternativa para Galicia desde Teo”.

O 12 de outubro de 2012 constitúese en Santiago de Compostela, Anova Irmandade Nacionalista e moita da xente do Novo Proxecto Común de Teo e doutros concellos sumámonos ao partido liderado por Xosé Manuel Beiras. Navegamos…

Nas eleccións ao Parlamento de Galicia dese 21 de outubro, presentámonos como Alternativa Galega de Esquerda, conformada por Anova e Esquerda Unida e co apoio do Espazo Ecosocialista Galego e Equo Galicia, 200.101 votos e nove deputadas. Alzámonos como terceira forza no país e como segunda no noso concello, incluso en tres mesas como primeira. AGE acada en Teo os mellores resultados do país!

As continuas citas electorais marcan os revoltos tempos de navegación: Eleccións europeas de maio de 2014, reeditamos a Alternativa Galega de Esquerda en Europa, 107.095 votos, temos unha eurodeputada! As citadas municipais de maio de 2015. As eleccións ás Cortes do 20 de decembro de 2015, colocan a En Marea como segunda forza en Galicia con 410.698 votos e 6 deputadas, logo repetidas, o 26 de xuño de 2016, onde perdemos 63.156 apoios, e pasamos a ser a terceira forza, 347.542 votos e 5 deputadas. Seguimos a navegar …

O 5 de xullo de 2016, os alcaldes da Coruña, Santiago de Compostela e Ferrol, Xulio Ferreiro, Martiño Noriega e Jorge Suárez, asinan o ‘Manifesto dos Alcaldes’ , onde convocan “a todos os actores políticos e sociais que veñen traballando na configuración dunha candidatura de confluencia a unha xuntanza que se celebrará no mes de xullo en día e lugar por determinar, co obxectivo de, sobre base referencial dos documentos elaborados por Mareas en Común, se poida acordar consensuadamente un calendario para a confección da candidatura e o programa co que En Marea se presentará ás eleccións autonómicas deste ano, co único fin de gañar a Xunta para as máis e poñer en marcha as políticas que fagan, por fin, de Galicia un país próspero e xusto”. Catro días despois, a nosa asemblea de SONdeTEO-anova acorda “manifestar publicamente o apoio e traballar decididamente polos obxectivos políticos que se fixan no Manifesto dos Alcaldes”.

O 30 de xullo de 2016, no auditorio do Mar de Vigo, ten lugar a asemblea constituínte de En Marea e o 25 de setembro, celébranse os comicios galegos con 273.523 votos para En Marea, segunda forza no Parlamento, e 14 deputadas/-os. Non hai calma no mar…

Os desacordos no seo de En Marea sucédense, agrávanse… e, coas axitadas eleccións internas do pasado decembro, o barco vai á deriva…

Nun deses capítulos que afondan na deriva, o 23 de maio de 2018, o alcalde de Teo, Rafa Sisto, dera a coñecer, publicamente, nas redes sociais a súa baixa como inscrita de En Marea.

A onde imos? “Conformamos, representamos e defendemos un modelo político que transcende un marco local. Temos un proxecto local e temos un proxecto de país. Pode que non teñamos unhas siglas permanentes, pero non somos unha candidatura independente para unhas eleccións locais. Somos a semente da muda, somos o modelo e debemos ser a esperanza. Asumámolo colectivamente e exerzamos como tal”, escribía Rafa Sisto en febreiro de 2017. Mantémolo en pé!

Na asemblea extraordinaria do 3 de xuño de 2018, acordamos constituírnos como partido político para consolidar o carácter aberto e plural de SONdeTEO e poder decidir por nós mesmas o rumbo que seguir equiparándonos ao resto de mareas municipalistas que hai polo país.

Desde o 1 de febreiro de 2019, SONdeTEO figura inscrita no Rexistro de Partidos do Ministerio do Interior. E estamos soas na galaxia ou acompañadas? Sempre acompañadas! Como na Bola de Cristal: Soa non podes, con amigas si! Somos a marea municipalista de Teo e queremos contar con todas. Apúntate a SONdeTEO!