O cuarto domingo de maio de 2015, celebramos as décimas eleccións municipais da democracia. No noso concello eliximos dezasete persoas (as que nos corresponden por ter entre 10.001 e 20.000 habitantes).

O 13 de xuño, vinte días despois das urnas, ten lugar a sesión constitutiva da Corporación e a elección de Alcalde. O candidato de SONdeTEO-anova, Rafa Sisto, resulta elixido por maioría absoluta cos sete votos do seu grupo e máis os dous apoios do PSOE, coa abstención do único edil do BNG e cos sete en contra do PP.

Velaquí o organigrama do goberno segundo a Resolución da Alcaldía nº 226 de 22 de marzo de 2016:

RAFA SISTOAlcalde. Con adicación exclusiva
Luou 30.1.1963.

Encárgase das áreas de Persoal, Economía e Facenda, Saneamento e Abastecemento, Medio Natural, Lingua, Comunicación e Seguridade Cidadá.

Reside coa súa muller e dous fillos, Baia e Teo, en Regoufe. Licenciado en Químicas e doutor en Filosofía e Historia da Educación, traballa no Concello de Teo como primeiro tenente alcalde e concelleiro de Urbanismo desde 2007, en excedencia da súa praza como profesor de Secundaria. Canta na Coral Polifónica de Luou e colabora coa Asociación Cultural A Mámoa da súa parroquia.

IGNACIO IGLESIAS1º Tenente de alcalde, concelleiro delegado de Benestar e Igualdade. Con adicación exclusiva
A Casalonga 11.2.1965.

Dirixe e xestiona os seguintes servizos: Servizos Sociais; Escolas Infantís 0-3 anos; Atención ás persoas maiores; Centro de Información á Muller de Teo (CIM); Igualdade; Prevención violencia de xénero; Conciliación; Voluntariado; Políticas de inclusión social; Participación veciñal; Mocidade.

Diplomado en Traballo Social e Graduado en Relacións Laborais, o concelleiro de servizos de Benestar Social, Igualdade e Participación Veciñal é traballador social, agora en excedencia desde 2011. No 2003, faltaron dezaoito votos para que saíse elixido edil e Martiño Noriega alcanzara a Alcaldía. Participa en Adega, na Asociación veciñal A Carballeira de Francos e en Teenses pola Igualdade. Reside na Casalonga co seu home e o seu fillo Rubén.

CONCHI GARCÍAConcelleira delegada de Administración, Transportes, Comercio, Turismo e Emprego. Con adicación exclusiva
Vigo 11.6.1971.

Dirixe e xestiona os seguintes servizos: Contratación; Administración Xeral; Administración electrónica; Transporte; Emprego; Información e orientación laboral; Comercio; Turismo; Axencia de desenvolvemento Local; Organización da páxina web municipal; Centros de saúde e cemiterios.

Leva oito anos vivindo en Montouto (Cacheiras) co seu home Iñaki e os seus dous fillos: Iria e Iago. Foi presidenta da Anpa Cobas, do CEIP Os Tilos. Exerce como voceira da Plataforma veciñal TeoBus, que procura melloras para o servizo público de transporte no corredor de Cacheiras, e tamén, da Plataforma Somos Parte de Pais e Nais por un Ensino Público e Democrático.

XURXO FRANCOSConcelleiro delegado de Servizos básicos. Con adicación exclusiva
A Ribeira 2.5.1973.

Dirixe e xestiona os seguintes servizos: Reparación de vías e camiños; Parques e Xardíns; Áreas de xogo infantil; Rozas e xestión de augas pluviais; Xestión das cuadrillas municipais de obras e parques; Alumeado público e Aforro enerxético; Limpeza Viaria; Xestión dos Residuos Sólidos Urbanos (SRU).

Presume de ser da Ribeira, en Cacheiras, onde leva vivindo toda a vida. Titulado en Hostelería, na rama de cociña. Ocupa o cargo de concelleiro de Servizos Básicos e Mocidade desde 2011, en excedencia na Finsa aínda que sempre reivindica que a súa profesión é a de cociñeiro.

PILAR FAXIL3ª tenente de alcalde e concelleira delegada de Cultura e Educación. Con media adicación
Rábade 31.3.1965.

Dirixe e xestiona os seguintes servizos: Infraestruturas culturais e programación; Patrimonio cultural; Fomento da lectura; Roteiros culturais; Memoria histórica; Apoio ás asociacións culturais; Mantemento de edificios escolares; Relación coas anpas e a comunidade educativa; Colexios Rurais Agrupados (CRA); Consello escolar municipal; Actividades extraescolares e formación de adultos.

Reside na Urbanización Os Verxeles, de Oza, desde setembro do 98. Posúe a licenciatura en Filoloxía Galega e estivo entre as persoas fundadoras da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística. Traballa como documentalista no eido audiovisual, está casada e ten unha filla, Catuxa.

JORGE CARBALLIDOConcelleiro delegado de Deportes. Sen adicación
Fene 31.7.1967.

Dirixe e xestiona os seguintes servizos: Instalacións deportivas Escolas deportivas municipais Espectáculos e eventos deportivos.

Vive nos Tilos, desde o ano 93, coa súa muller e dous fillos, Carlos e Antón. Coñecido por ter sido presidente da Anpa Cobas do CEIP Os Tilos e presidente fundador do Club de béisbol Os Tilos. Licénciase en Psicoloxia Social na Universidade de Santiago e traballa como funcionario e persoal laboral do Concello de Santiago na Concellería de Benestar Social.

FRANCISCO NANÍNApoio das distintas áreas de goberno, especialmente da de Educación. Sen adicación
O Carballiño 18.10.1965.

Residente en Texexe (Calo) desde hai dezaseis anos coa súa muller e dous fillos, Pedro e Xurxo. Está diplomado en Profesorado de EXB e exerce de mestre, desde hai quince anos, no CEIP A Ramallosa, sempre vencellado ás Novas Tecnoloxías no Ensino. Activo nas asociacións culturais, nomeadamente en relación coa promoción e difusión da música.

A estas sete persoas de SONdeTEO no goberno súmanse dúas do PSOE:

UXÍA LEMUS DE LA IGLESIACon adicación exclusiva
A Coruña 1976. 

2ª Tenente de alcalde, concelleira delegada de Urbanismo, Vivenda e Sostibilidade, coa facultade de dirixir e xestionar os seguintes servizos: PXOM; desenvolvemento e xestión; Disciplina urbanística; Obras de urbanización e rede de cable e gas; Vivenda; Sostibilidade. En xeral, as súas funcións serán todas as relacionadas coa área ou materia que se delegue, sen incluír a facultade de resolver mediante actos administrativos que afecten a terceiros.

 

 

ROBERTO MONIÑO GILSen adicación exclusiva
Orihuela 1948.

Concelleiro delegado de Infraestruturas, coa facultade de dirixir e xestionar, en xeral, os seguintes servizos: Plans provinciais de infraestruturas; Plans especiais.