Unha decisión difícil pero decidida

Por Rafa Sisto. Alcalde de Teo

Esta mañá, na reunión celebrada polo grupo de goberno de Teo, comuniqueilles ás concelleiras e concelleiros socialistas o cesamento nas súas responsabilidades de goberno. Foi esta unha decisión difícil pero inevitable, que se viña xestando dende hai varios meses e que foramos adiando coa esperanza de poder reconducir a situación.

Para poder enfrontar un goberno serio e con garantías, precísase lealdade e coherencia. Lealdade aos pactos que se acordan e lealdade coas compañeiras de camiño. O primeiro fallou en temas tan importantes coma a xestión compartida dos fondos europeos, o mantemento dunha residencia teatral ou artística, e no respecto aos compromisos adquiridos polo goberno na pasada lexislatura e que xa contaban coas retencións de crédito para levalos adiante.

A segunda, a lealdade entre iguais, a colaboración con todo o goberno e non só cunha parte del, foi unha eiva permanente. Non se pode entender un goberno no que unha parte asenta a súa actuación na competición e non na colaboración. Se pactamos uns orzamentos, eses orzamentos vinculan a todas as concellerías e son parte do pacto de goberno, por iso non se pode admitir que mentres hai cartos o mérito é duns e cando se acaban a culpa sexa do Alcalde que non autoriza máis fondos. Inadmisible.

A coherencia non está enfrontada coa diversidade, pero non podemos esquecer que as concelleiras e concelleiros actúan por delegación da Alcaldía. Poden ter autonomía e capacidade de decisión nas súas áreas, claro que si, pero a Alcaldía que as nomea ten que estar informada minimamente do que se fai, entre outras cousas porque é a última responsable (económica e xuridicamente) do que se fai. A parte socialista do goberno nunca entendeu isto, a pesar da lealdade extrema dos concelleiros e concelleiras de SONdeTEO, esixida en todo momento por esta Alcaldía ao seu grupo. As xuntanzas do goberno foron dende o primeiro día monólogos onde unha parte, a de SONdeTEO, expuña os proxectos e daba conta do feito, mentres a parte socialista calaba.

Coherencia de grupo e coherencia política na acción de goberno. SONdeTEO pode equivocarse, pero temos moi clara a defensa dos intereses colectivos fronte ao clientelismo. Non estamos na política para vender favores, para crear amigos ou dependencias co poder. Defendemos dereitos e a responsabilidade de cidadanía e  asociacións que non precisan ser tuteladas senón, acompañadas. E semella que non todo o goberno tiña isto tan claro.

Rachamos así unha colaboración entre SONdeTEO e a agrupación socialista de máis de seis anos. Demostramos pois a nosa vontade de sumar, de colaborar, de formar gobernos plurais e estables, polo que temos gañado o dereito a que isto non se vexa como un capricho senón como unha necesidade. Unha necesidade para garantir un futuro de esquerdas e pensado dende o país para o noso concello.

Sabemos da dificultade da situación e somos moi conscientes da nosa minoría na Corporación. Abrimos pois con responsabilidade un período transitorio que debera levar a conformación de novos pactos que dean maior estabilidade ao goberno. Sabemos da nosa capacidade de diálogo e de acordo e non dubidamos de que, dun xeito ou doutro, garantiremos apoios maioritarios que permitan a execución de todos os retos que temos que enfrontar nos vindeiros anos.

A concelleira María López asumirá, provisionalmente, a xestión das áreas de Cultura e Educación; Iria Otero, a de Administración e Infraestruturas, e Ignacio Iglesias farase cargo dos servizos básicos. Quedará baixo a xestión directa da Alcaldía a área de Urbanismo e a de Seguridade cidadá.

Coa preocupación da responsabilidade que en solitario asumimos, pero co ánimo calmo e decidido, enfrontamos o futuro.

En Teo, a luns 4 de outubro de 2021.

FacebooktwittermailFacebooktwittermail