A lotería do túnel!

Un ano máis vendemos participacións da lotería de nadal para tentar a sorte e sacar algo para o peto de SONdeTEO.  Este sexto ano,  xogamos o número 22101, mercado novamente na Administración de Lotería Nº1 de Teo A SORTE, sita na Travesía de Montouto https://www.loteriaasorte.com/  nº 22, enfronte do tanatorio.

Arrincamos pondo á venda 600 boletos de 2,5 € (12 talonarios de 50 participacións) o que supón xogar á lotería de Nadal 1.200 euros. Coma sempre, dous euros invístense no propio sorteo do Gordo do 22 de decembro e os 0,50 € restantes participan na rifa de douscentos euros de compra no MERCADO DE ALIMENTO LABREGO DE TEO, que se fai todos os sábados pola mañá na praciña circular dos Tilos.

As nosas participacións saen, tamén coma sempre, do prelo  PARSAN GRÁFICA S.L. (parcela R-2 da vía Diésel do Polígono santiagués do Tambre) dos irmáns Pedro e María Pardo Sánchez, con veciñanza en Teo.

Desta volta, o deseño do billete reproduce unha foto, de 1873, do túnel do Faramello acompañada dunha pequena información.

Da interesante historia deste túnel falábanos hai uns días (2 novembro) o arquiveiro municipal, Pablo Sanmartín (@pablen.compostelateo), no seu muro do facebook:

A ruta do túnel do Faramello e a Feira do San Martiño de Francos

Como todos os anos nas vésperas da Feira do San Martiño de Francos celébrase a camiñada popular que este ano volve centrar a súa atención na primitiva liña do camiño de ferro galego, Cornes – Carril, no treito que quedou en desuso en 2007 logo da instalación da nova vía férrea do Ave e da apertura do novo túnel do Areal.

O vello túnel do Faramello situado entre os Concellos de Teo e Rois é unha gran mostra da enxeñería civil decimonónica, a última estrutura intacta das realizadas no seu día para dar servizo a esta primeira liña ferroviaria que abría unha fenda na paisaxe do val da Maía para conectar a capital xacobea co mar, a utopía soñada polos dirixentes da “Sociedad Económica de Amigos del País”. A construción deste paso subterráneo de 133 metros do túnel foi toda unha proeza, chea de dificultades que retrasaron meses a inauguración oficial ata o día 15 de setembro de 1873.

Curiosamente a feira teense foi o primeiro gran evento social ó que os composteláns acudiron en masa a través do primitivo “Ferro-Carril Compostelano”. Os “primeiros trens especiais” transladaron á estación de Osebe a máis de 10.000 persoas durante as dúas xornadas da feira do San Martiño de 1873, dous meses despois da súa inauguración.

Tal como reflicte a prensa local da época, foi para moitos teenses e santiagueses a primeira viaxe no medio de comunicación que transformaría o noso territorio e a vida dos galegos.

Esta íntima ligazón entre a feira e o ferrocarril Compostelá foron clave no éxito e transcorrer histórico da feira ata a finais do século XX. Unha conexión que cómpre recuperar.

 

Tamén a páxina de Facebook (8 de novembro) de Turismo de Teo (@turismoteo) salientaba a transcendencia desta infraestrutura en relación coa feira do San Martiño:

Fagamos un pouco de historia

#ArquivoMunicipaldeTeo permítenos recuperar e manter viva a historia da nosa feira, vinculada a feitos tan importantes como a inauguración da primeira liña de ferrocarril de Galicia.

Un feito fundamental para o devir da feira foi a chegada en 1873 do ferrocarril coa liña entre Cornes e Carril con parada na estación de Osebe a escasa distancia de Francos. O tren marca unha nova dimensión e contribúe á modernización da feira, ó permitir, por unha banda facilitar o traslado de gando cara a novos territorios e,  por outra,  facilitar a chegada de novidades como a primeira báscula que permitiría facer as vendas dos animais por quilos e non como acontecía ata daquela, por cabezas de gando. A feira adquire tamén o carácter de ‘romaría’, trátase dun evento mixto con trato de gando cabalar, feira labrega e festa popular. Esta dobre dimensión económica e lúdica orixina a diversificación do público, ademais do rural tradicional, participa o público urbano grazas ó ferrocarril. Esta transformación faise lentamente pero de xeito progresivo. Ano tras ano a feira parécese máis a feira do século XX e menos ó antigo mercado de orixe Medieval.

 

Quen queira participacións pódese poñer en contacto con nós en persoa ou a través do correo electrónico eu@sondeteo.gal  con mensaxes polo Facebook ou polo Twitter.

A lotería de SONdeTEO aínda nunca tocou nestes cinco anos que a levamos facendo pero lembrade que, o ano pasado, a administración de Montouto, onde a mercamos, repartiu 6,4 millóns de euros do número Gordo, o 03347, en Teo e a de Pontevea, 2, 4. A xente que, no 2003, deixou a Comisión de Festas de Bamonde levaba quince anos xogando ese número, que eran os 33,47 euros que lles quedaron ao deixar a comisión… Disque só fai falla xogar, xogamos?

FacebooktwittermailFacebooktwittermail