2020: Teo no Museo do Pobo

A militancia de SONdeTEO vimos facendo, desde o ano 2014, un calendario só en galego, cento por cento de Teo, coas nosas festas e festivos canda outros acontecementos do noso municipio e do país, con cadanseu refrán por mes e, para este 2020, ilustrado con trece fotos do patrimonio de Teo custodiado no Museo do Pobo Galego (MPG).

O MPG foi creado en 1976, cos obxectivos de investigar, conservar, divulgar, defender e promover a cultura galega en todos os seus ámbitos. Sito no antigo convento de San Domingos de Bonaval, cedido polo Concello de Santiago de Compostela, fóra de muros, na aba do monte da Almáciga e preto da Porta do Camiño. O Concello de Teo figura como socio institucional. Na páxina web do Museo podedes ampliar a información sobre el.

Queremos darlle as grazas, especialmente, á responsable técnica de Conservación do Museo do Pobo, Belén Sáenz-Chas Díaz, pola súa colaboración con SONdeTEO para levar a cabo este proxecto e, xaora, ao Museo por permitirnos a difusión dos seus fondos.

O calendario pódese descargar en pdf aquí, como cadanseu almanaque dos seis anos anteriores, e tamén nolo podedes mercar impreso para pendurar na parede por 7 €. O almanaque consta de 7 follas A3 (42 x 29.7) impresas a 4/4 tintas en color e sae do prelo  PARSAN GRÁFICA S.L. (parcela R-2 da vía Diésel do Polígono santiagués do Tambre) dos irmáns Pedro e María Pardo Sánchez, con veciñanza en Teo.

A protagonista da portada é a foto, da Fondo Blanco-Cicerón conservado no MPG, que aparece publicada na revista ‘Vida Gallega’, en 1912, asinada por Varela, un fotógrafo afeccionado, da xente bañándose na Burga de Xermeade, en Pontevea-Reis. Acompañamos a fermosa foto coa coñecida frase de Castelao:

“Porque a verdadeira tradición non emana do pasado, nin está no presente, nin se albisca no porvir; non é serva do tempo. A tradición é a alma eterna de Galiza, que vive no instinto popular e nas entrañas graníticas do noso chan. A tradición non é a historia. A tradición é a eternidade”. 

Ao longo das páxinas dos meses van aparecendo o resto de pezas de Teo que garda o Museo do Pobo como a marabillosa foto do mes de xullo, que corresponde á familia de caseiros da Agrela (Lampai) formada por Francisco e Benita, e as súas fillas María, Carmela e Juana. A foto leva unha nota detrás que di: “Entraron a cultivar el lugar el día 11 de noviembre de 1856. El dueño del lugar de Agrela era el brigadier Eduardo Sánchez Villamarín Pereira y Moscoso, fallecido en 1876”. A foto é unha ‘carta de visita’ de ca. 1870, asinada polos Irmáns Buch, fotografos de Santiago (naquela época os fotógrafos movíanse por todas as cidades, eran case ambulantes; estes Buch estiveron tamén en Pontevedra) A foto é da Colección da Familia de la Riva que custodia o MPG.

O primeiro mes do ano amósanos o petróglifo de Castro Lupario. Segundo deixou constancia o malogrado veciño de Cacheiras, Fernando Acuña Castroviejo, catedrático de Arqueoloxía, Epigrafía e Numismática pola Universidade de Santiago de Compostela desde 1987 e patrón fundador e vicepresidente do Padroado do Museo do Pobo Galego até o seu pasamento en setembro de 2016, apareceu na muralla do Castro Lupario, como elemento construtivo e estaba nas dependencias do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos e veu para o Museo no ano 1970, con motivo dunha exposición en homenaxe a Federico Manciñeira, que o conserva en depósito.

Cadanseu mes do ano 2020 vai ilustrado coas pezas teenses das que terma o Museo e vai acompañada dun textiño explicativo. Agardamos que sexa do voso agrado e o gocedes.

Longa vida ao Museo do Pobo Galego e a toda a xente que contribúe a enchelo coa nosa historia. GRAZAS POBO!

 

 

Facebooktwittergoogle_plusmailFacebooktwittergoogle_plusmail