Vetar a merda na canteira!

Seguimos a esixir cambiar a lei para que se prohiba que empresas do lixo como Toysal xestionen espazos mineiros

 

Ante o recente inicio de actividade na antiga canteira da Casalonga, na última semana, con verteduras de auga e perforacións para voaduras, que ten inqueda a veciñanza, SONdeTEO apoia as mobilizacións cidadás que pretenden poñer de manifesto a estratexia dunha empresa do lixo para conseguir encher o oco da canteira de residuos.

 

Mantemos a nosa oposición clara a que a canteira da Casalonga se converta nun vertedoiro, tal e como vai encamiñada co Plan de Restauración de Toysal, e como xa xustificamos noutras ocasións, consideramos que o devandito Plan de Restauración debe ser sometido a unha avaliación de impacto ambiental ordinario.

 

Non aceptamos, en  ningún caso, un Plan de Restauración que implique traer material de fóra da canteira e menos aínda, en solo rústico e nunha zona de elevada densidade de poboación. Reclamámoslle ao goberno autonómico que regule este tipo de actividades en polígonos industriais clasificados segundo as molestias e o perigo da actividade.

 

Esiximos o cambio lexislativo pertinente na Lei de Minas (RD 105/2008 e RD 975/2009) porque é a fenda legal que posibilita que empresas como TOYSAL, a conta da ‘restauración’ acaben xestionando espazos mineiros, con escasa rendibilidade económica, para levar a cabo o seu fin empresarial, que é o negocio do lixo.

 

A potestade lexislativa de Galiza reside no seu Parlamento que ten 75 escanos repartidos así:

PP – 41

PSdeG-PSOE – 14

Grupo Común da Esquerda – 9

BNG – 6

En Marea – 4

#FóraToysaldeTEO

*Nas páxinas 4 e 5 do noso voceiro de febreiro de 2019, descargable aquí ou picando na imaxe, podedes ler a posición política de SONdeTEO:

 

 

 

FacebooktwittermailFacebooktwittermail