Solidariedade coas presas políticas e exiliadas catalás

Desde SONdeTEO amosamos a nosa profunda repulsa ante a sentenza do Tribunal Supremo, publicada este 14 de outubro, contra varias das persoas líderes políticas do independentismo catalán, que levan case dous anos en prisión preventiva. Ademais, coñeceuse que serán reactivadas as ordes de extradición das políticas exiliadas. En chave de vinganza, o Estado español axusta así a súa conta pendente contra a democracia. Esta é a única resposta que as altas esferas do Réxime do 78 ofrecen a unha nación na que millóns de habitantes levan anos querendo decidir o seu futuro mediante referendo.

A lección democrática do 1 de outubro de 2017 foi acollida con odio e punitivismo polas estruturas represivas do Estado, dende os corpos policiais á xudicatura, con amparo do bloque do 155 e do Rei. Ante esta situación é fundamental a posición firme e cohesionada de tódalas forzas progresistas en defensa dos dereitos civís e democráticos. Deste xeito, SONdeTEO solidarízase coas presas políticas e exiliadas catalás e coas súas familias e achegadas. Continuaremos a apoiar o procés catalán e tódalas súas lexítimas expresións cívicas e políticas.

En TEO, a luns 14 de outubro de 2019

*Comunicado en pdf descargable

Facebooktwittergoogle_plusmailFacebooktwittergoogle_plusmail