Coas ideas claras

A Teo, con 18.525 habitantes, correspóndelle elixir 17 membros para a súa Corporación local. Os resultados do 26 de maio pasado foron:

7 para o PP

4 para SONdeTEO

4 para o PSOE

2 para o BNG

Isto supón que ou hai 10 fronte a 7 ou non hai. O día da constitución da Corporación e da elección de alcalde (15 xuño) así se deu e resultou elixido alcalde o noso candidato, Rafa Sisto cos 10 votos de SONdeTEO, PSOE e BNG. Feito que agradecemos e valoramos! Se non tivera sido así, o alcalde sería o aspirante do PP, Manuel Guerra.

Logo vén formar goberno. O BNG, imprescindible para a desexable maioría absoluta de 9, non quere entrar nun goberno a tres (4+4+2), declina facelo nun a dous (4+2) e ata se nega a entrar na Xunta de Goberno Local. En todos os casos, responde co ‘non’ sen máis, sen unha soa petición ou explicación sobre o programa de goberno ou o organigrama ou calquera outra cousa. Agora si, cando SONdeTEO e PSOE negocian e pechan un acordo de goberno, acorde ao 4+4 dos resultados electorais, o BNG oponse rotundamente a que haxa cinco adicacións exclusivas máis unha parcial ao 75%.

 

Como podedes ver na imaxe, a Teo con poboación de entre 15.001-20.000 habitantes, correspóndenlle ata SETE persoas en réxime de DEDICACIÓN EXCLUSIVA cun soldo máximo de ata 53.065 €. Ademais, pode contratar ata dúas persoas de confianza como PERSOAL EVENTUAL.

Ben, no histórico desde 2007, en que o BNG chega ao goberno da man de Martiño Noriega e Rafa Sisto, en todas as lexislaturas o número de adicacións é sempre semellante. Precisamente, o máis avultado foi na lexislatura 2007-2011, curiosamente con Carme Diéguez, agora de novo concelleira, cobrando 38.000€. Tamén curiosamente,  en 2011,  Manuel Anxo Fernández Baz, no goberno con marioría absoluta de Martiño Noriega, ten unha adicación exclusiva de 36.434 €, superior á que se propón para este mandato. Ademais, en ambas as lexislaturas había dúas persoas de confianza, que Sisto xa reduciu a unha na pasada. E, ademais, todas estas lexislaturas pasadas, os gobernos contaron con persoas xubiladas que traballaron con adicación plena ao Concello sen cobrar ren: No 2007, Andrés Fernández; no 2011, Anxo Rei e no 2015, Roberto Moniño.

Coas ideas claras, o alcalde de Teo está a traballar sen remuneración ningunha no Concello desde o pasado 15 de xuño en que resultou elixido. Por sorte, o rexedor é profesor de instituto e pode ‘gozar’ das vacacións escolares cumprindo coas obrigas do cargo. As outras sete persoas que conforman o goberno, segundo o decreto das delegacións da alcaldía asinadas o 3 de xullo, fano na medida en que llo permiten os seus traballos remunerados. Cabe destacar que das oito persoas do goberno SONdeTEO-PSOE, aínda hai dúas que quedarían sen dedicación de ningún tipo:

  • A concelleira de SONdeTEO, María López Álvarez, tamén profe de instituto, que compaxinará o seu traballo no IES co do goberno municipal e a súa familia dunha filla e dous fillos.
  • O concelleiro socialista Roberto Moniño, xubilado.

Daquela, sentidiño e responsabilidade. Non alonguemos esta precariedade. A proposta de SONdeTEO e PSOE é acaída para un Concello como Teo. Semella que o BNG, onde é prescindible, entra no goberno pero, alá onde é imprescindible, como en Teo ou en Redondela, fuxe da responsabilidade que as urnas lle esixen. O caso é, como defende, Francisco Jorquera, edil do BNG na Coruña, onde asinou acordo de goberno bipartito co PSOE que os concelleiros teñan “medios suficientes”, aínda que tamén apuntou que as retribucións deben “evitar excesos” e ter en conta o “contexto social”. Pois iso!

 

O réxime de dedicación exclusiva supón a entrega diaria e en exclusiva ao traballo no Concello coa presenza diaria da persoa responsable política para a xestión, coordinación e seguimento tanto a nivel interno (co equipo de goberno e persoal municipal) como a nivel externo (atención persoal á cidadanía), para acadar unha xestión eficaz e eficiente que se materialice na consecución dos obxectivos do programa de goberno e unha maior atención persoal ás demandas da cidadanía, segundo argumenta a secretaria do Concello de Lousame (anuncio de dedicacións exclusivas e parciais BOP, xoves 11 xullo 2019).

A lexislación aplicable para fixar a organización do Concello é a seguinte:

  1. Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local (LRBRL)
  2. Real Decreto-Lei 24/2018, do 21 de decembro, polo que se aproban medidas urxentes en materia de retribucións no ámbito do sector público (convalidado polo Congreso dos Deputados na sesión do 22.01.2019)
  3. Real Decreto 2568/1986, do 28 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais (ROF)
Facebooktwittergoogle_plusmailFacebooktwittergoogle_plusmail