Sobre as negociacións para un goberno en Teo

A Asemblea local de SONdeTEO, reunida onte pola noite para valorar o proceso de negociación de cara á formación dun goberno de esquerdas no Concello de Teo, considera:

 

 

Que trala elección como alcalde do candidato de SONdeTEO, Rafa Sisto, esta organización séntese responsable e comprometida coa formación do novo goberno o antes posible, para encarar o importante traballo que desenvolver nesta lexislatura.

Que dende o momento no que o BNG de Teo, cunha posición de colaboración e diálogo, decidiu non participar nas negociacións para un goberno a tres, avanzouse, decididamente, para repetir a coalición de goberno co PSOE de Teo, recoñecendo o novo escenario resultante das eleccións que determinaba un reparto distinto das responsabilidades.

Que máis alá das discrepancias que poidan darse nas negociacións, SONdeTEO considera que debe garantirse que as dúas formacións teñan a capacidade e medios necesarios para desenvolver o traballo asignado. Neste contexto, non se entende que o partido socialista se negue a que SONdeTEO conte con 3 das 7 dedicacións exclusivas dispoñibles legalmente na corporación de Teo, nin moito menos que se queira impedir que a alcaldía conte cunha persoa de confianza na xefatura do seu gabinete (incluída a comunicación), cando o máximo permitido pola lei son dúas.

Que SONdeTEO non está por precarizar o traballo das persoas reducíndolles a súa dedicación a media xornada, que non permite nin facer o que hai que facer no Concello, nin desenvolver o traballo profesional de cadaquén. Quen entende que un alcalde de case 20.000 habitantes non conte a tempo completo cunha persoa que atenda as chamadas, concerte e prepare citas, negocie axendas con outras institucións ou atenda a prensa?

Que esta situación é aínda menos comprensible ao comparala coa actitude do PSOE en concellos veciños como Ames, Santiago ou Oroso, nos que se propicia que as concelleiras e concelleiros poidan dedicarse a gobernar o Concello e co persoal de confianza que necesitan, incluso na oposición.

Que SONdeTEO pretende gobernar Teo con responsabilidade, e sabe ben que para iso se precisan persoas preparadas e que poidan dedicar o seu tempo a ese fin e, polo tanto, esta é unha condición irrenunciable para formar un goberno de coalición en Teo.

Que, consecuentemente, despois de numerosas dilacións na negociación que provocaron que o alcalde leve atendendo el só o goberno do Concello e sen cobrar un euro dende a súa elección (hai case 15 días), hoxe procedeu a pedir a reincorporación no seu centro de ensino, coas consecuencias que isto conleva na xestión municipal.

Que, loxicamente, esta situación non pode durar nin é sostible, polo que SONdeTEO comunicoulle ao Partido Socialista de Teo que, ou este próximo venres acepta as condicións expostas na negociacións ou, o luns a primeira hora, o alcalde de Teo nomeará un goberno formado polas persoas elixidas como concelleiras por SONdeTEO e convocará o pleno organizativo para o próximo xoves, confiando na responsabilidade das forzas políticas que forman a corporación. Unha vez dado este paso, non desexado pero inevitable, asumiremos con todas as consecuencias o compromiso de goberno, como ata agora fixemos.

Facebooktwittergoogle_plusmailFacebooktwittergoogle_plusmail