As fotos, entre Calo e Cacheiras, no parque e no bus

Calo e Cacheiras, un parque e unha parada de bus, son ambas as escenas escollidas para encadrar os carteis electorais para esta campaña que comeza de cara ás Municipais do domingo 26 de maio.

Con ambos os encadres buscamos espazos públicos, comúns, ao aire libre e de uso diario. Cacheiras e Calo, as dúas parroquias máis poboadas do concello con cadansúas 5.712 e 4.709 habitantes, segundo o último padrón municipal.

A foto para o cartel do número 1 da lista, candidato á alcaldía e actual rexedor de Teo, Rafa Sisto, fixémola un solleiro 21 de marzo no parque da igrexa de Calo. Queriamos fondo verde e os loureiros, cheos de flor do fondo do parque, fixeron o perfecto fondo natural.

O encargado de tirar as fotos volveu ser, como en 2015, Miguel Méndez. Daquela, fixéramola asomado a unha das ventás do local da Mámoa de Luou.

Á hora de montar os cartel, o deseñador Alberto Rivadulla constrúe unha composición diferente que dá o cartel electoral que vemos cun corte novidoso por riba dos xeonllos fuxindo doutros máis clásicos e anódinos. Neste mesmo profesional confiamos os deseños de voceiros, dípticos e toda a cartelería de SONdeTEO.

No que se refire ao cartel colectivo, optamos por unha parada de bus, vinculándoa coa relevancia dun transporte público digno do que non gozamos e que demandamos. Eliximos a marquesiña da travesía de Montouto 26, diante das pistas deportivas, ben grande e na que collemos as 25 persoas da  lista de SONdeTEO. O domingo 28 de abril, día de votar nas eleccións xerais, de boa mañá e petando ben o sol, fixemos a foto colectiva á que faltaron cinco persoas que logo pegamos co máxico photoshop. Ademais, este cartel do conxunto da candidatura na marquesiña do bus sérvenos para ir ilustrando cada día onde imos facendo  as paradas, o acto de campaña. Acompañádenos. Vinde saudarnos, coñecernos, escoitarnos!

O venres 10, en Solláns-CALO

O sábado 11, na Ramallosa-LUCÍ

O domingo 12, en RECESENDE

O luns 13, na A Torre-CACHEIRAS

O martes 14, en OZA

O mércores 15, en REIS

O xoves 16, en Francos-CALO

O venres 17, en TEO

O sábado 18, en LAMPAI

O domingo 19, en LUOU e BAMONDE

O luns 20, en VILARIÑO

O martes 21, en CACHEIRAS

O mércores 22, en RARÍS

O xoves 23, nos TILOS

O venres 24, en CALO

Isto son un feixe de curiosidades para que as coñezades, se vos apetece, ou non lle fagades nin caso, se non vos presta, pero quede por aquí pendurado como foi o conto do que lle chaman o making-of, o como se fixo, e vinde vernos.

FacebooktwittermailFacebooktwittermail